Tuesday 16 de April de 2024

Valentín González Formoso reivindica o “socialismo dos feitos, que mellora a vida das persoas”


• “O socialismo non só se predica, practícase, pero hai que aspirar a gañar e non a ser segundo ou terceiro”, afirma o candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE.

• Pon en valor a xestión de municipios e deputacións socialistas durante a pandemia, “reforzando os servizos sociais e apoiando aos sectores que máis sufriron as consecuencias da crise sanitaria”.

• Pide un PSdeG “con criterio nos asuntos de país”.

“Está ben predicar o socialismo pero sobre todo hai que practicalo, nós o facemos cada día aplicando políticas que melloran a vida das persoas desde as administracións que están máis preto da cidadanía”, afirmou hoxe Valentín González Formoso nun encontro coa militancia de Ortigueira, onde reivindicou “o socialismo útil”. “Os feitos son máis elocuentes que as palabras”, afirmou.
Formoso destacou a “batalla dos concellos en primeira liña para facer fronte ás terribles consecuencias da COVID” e puxo en valor a xestión dos municipios e deputacións socialistas. Neste sentido, afirmou que a Deputación da Coruña “incrementou un 137% o gasto social para non deixar a ninguén atrás na saída da crise e destinou 25 millóns de euros a axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia”. Outras políticas socialistas citadas por González Formoso foron “a recuperación para o público dos servizos de emerxencias, como o Consorcio Provincial de Bombeiros”.
“Estar ao carón da xente é a nosa forma de ser, a nosa forma de gobernar” afirmou o candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, que dixo que Galicia precisa dun PSdeG “con criterio nos asuntos de país, que estea preto das persoas e da realidade social e que non só sinale os problemas senón que propoña solucións”. “O PSOE non é un instrumento en si mesmo senón un instrumento que mellora a vida da xente”, afirmou Valentín González Formoso, que defendeu un PSdeG “útil para a sociedade e comprometido cos intereses de Galicia”.